COMEZA A NOVA TEMPADA
2014 - 2015
Comeza a rodar unha nova tempada e o Bodegón Arzúa volve de novo á competición. Este ano saímos con tres equipos, un na categoría de cadetes, outro en xuvenís e por último na de afeccionados (ou modestos). Tamén estamos a estudar a posibilidade de facer un de fútbol sala na categoría infantil.
A falta de nenos que se incorporen a categorías inferiores como alevíns, benxamíns... é un feito que se está notando en todos os clubs de Santiago, e polo tanto leva consigo á desaparición de moitos equipos nestas categorias.
Tamén nas categorías superiores, onde a falta de presuposto por falta de patrocinadores, e as axudas que son cada vez menores, fan que as ligas se vexan minguadas no número de equipos que participan nelas.
Este é o motivo polo que as categorías de cadetes e xuvenís atrasaron o comezo da tempada, e así evitar desta forma, que non existan tantas xornadas de descanso como na tempada pasada.
No caso dos modestos a retirada de equipos dos distintos grupos da zona, provocou a fusión destes nun só, e polo tanto creouse unha liga, un pouco atípica, con un único grupo formado por 23 equipos que terán que enfrontarse nunha primeira volta todos entre todos, e os doce primeiros clasificados, entraran nunha liguilla para a fase de ascenso.
O equipo de modestos que mantén este ano exactamente o mesmo equipo do ano pasado, verá reforzada a súa estructura, coa incorporación de novas fichaxes, tanto no terreo deportivo como técnico.
O único que lle desexamos a este equipo é que teña unha tempada tranquila sen altibaixos, e que poidan disfrutar xogando ao fútbol como eles saben.
Só con iso creemos que será suficiente para que cheguen os bos resultados, e ver a posibilidade de estar aí a loitar por volver ascender a unha categoría que non merecemos perder a pasada tempada.
Para eles a liga comezou hai tres semanas, e de momento as cousas non pintan nada mal, disputaron tres encontros e gañaron dous.
Nótase que o equipo vai en progresión e a medida que pasen as xornadas seguro que o imos ver dando aínda moito mais.
No caso dos xuvenís como xa comentamos, tamén presenta un equipo bastante amplo, con novas incorporacións que veñen para reforzar o bloque que mantemos do ano pasado.
Deste grupo tamén imos estar moi pendentes, pois se logra adaptar as novas fichaxes, e mantén o nivel de xogo que vimos nos partidos de pretempada, podemos ver un equipo, para estar a loitar cos todo poderosos do grupo, e que nos dean algunha que outra alegría.
E por último pero non menos importante, senón mais ben todo o contrario, toca falar dos cadetes, este equipo está formado por vinte e tres xogadores.
Parte proceden do grupo que xa tiñamos da tempada pasada e aos que temos que sumar os infantís do grupo do ano pasado que soben de categoría, asi como as novas incorporacións procedentes doutros equipos, e que tamén seguro, achegarán cousas importantes a este grupo tan nutrido de xogadores.
Este equipo foi o que fixo menos pretempada, o que unido á incorporación de novos xogadores ao grupo, fai que se lles estea a notar máis nestes partidos amigables que disputou, pois a fluidez no seu xogo ainda ten que mellorar bastante.
Pero do que si estamos seguros é que o equipo conta cun nivel moi alto de calidade entre os seus xogadores, e eles teñen que ser tamén conscientes de que se poñen ganas, e ilusión poden tamén darnos moitas alegrías esta tempada.