20 de abril de 2015

Os Cadetes: Preparan a Copa de Santiago

 Os Cadetes: 
Preparan a Copa de Santiago
Foto dos dous equipos de cadetes, C.D. San Mamed e o Peña Bodegón Arzúa
Rematada a liga os cadetes seguen disputando partidos co fin de manter o ritmo de competición de cara aos enfrontamentos da Copa de Santiago que  nesta ocasión, será a dobre partido contra o Victoria C.F. nada máis e nada menos, que o flamante campión de liga 2015.

Sabemos que é unha eliminatoria difícil pero non imposible, os partidos hai que xogalos, e estamos dispostos a pelexar os 180 minutos que vai durar este encontro.

Por iso esta semana o equipo desprazouse ás Terras do Ulla para enfrontarnos a C.D. San Mamed de Sta Cruz de Rivadulla, e continuar así coa sua preparación.

A mala planificación dos grupos, por parte da Federación Galega, os cales estiveron formados por poucos equipos (provocado en boa medida pola desaparición dalgúns dos mesmos) en vez de unificalos en un só  grupo, fixo que a liga rematase nesta categoría ao igual que na de xuvenís antes do normal.

Isto obrigou a todos os equipos a organizar torneos ou partidos amigables, co fin de que os xogadores seguisen disputando encontros ata poder disputar a copa, que na nosa opinión, é outro erro por parte da federación, poñer as datas desta, tan separada do remate da liga.

Polo que aos cadetes se refire, levan disputados xa partidos amigables contra o Trazo C.F., S.D. O Pino, Tordoia C.F. e E.D. Arzúa.

Esta semana como comentamos ao comezo da entrada desprazámonos á Ulla, para enfrontarnos a un grande equipo como é o C.D. San Mamed, e ao que queremos agradecer a boa disposición que mostrou en todo momento para a realización deste encontro.

Un partido interesante no que o Bodegón levouse o encontro por 2-3, e no que puidemos presenciar bastantes detalles de calidade nos xogadores dos dous equipos. 

Dicir que a pesar da rivalidade mostrada no campo, hai que destacar o excelente comportamento dos xogadores no terreo de xogo, así como o das dúas afeccións, que favoreceron a boa actuación arbitral.

Este tipo de encontros serve tanto para que os xogadores vaian xogando máis minutos, asi como permitir aos adestradores probar modificacións tácticas, ou variar as posicións no campo, co fin de mellorar o rendemento do equipo.

Nestes tempos que corren, cada vez resulta máis difícil manter un equipo en competición, pola falta de nenos en categorías inferiores que vaian pasando cos anos ás superiores.

Este é un problema, que cada vez con máis frecuencia, se estende a todos os clubs da bisbarra e que se ve acrecentada pola errónea idea que teñen moitos pais, de que os seus fillos xoguen en equipos considerados superiores, e que así van despuntar antes ou a converterse en figuras do fútbol.

Ao final o tempo demostra que a maioría destes nenos rematan deixando o fútbol pola presión á que se ven sometidos, ou pola pouca participación que ten no equipo, ao considerar que o xogador non ten as calidades que lles piden nun grupo onde prevalece o resultado á actitude deste.

Dende a nosa experiencia podemos afirmar, que para que un neno poida ser un bo xogador de fútbol primeiro ten que disfroitar do deporte que practica.

O segundo que debe asumir, e o compromiso co club que defende, así como cos seus compañeiros de equipo.

Só así tendo claros estes conceptos, é cando logo se lle pode ir pedindo obxectivos e retos tanto aos xogadores, como ao grupo no que están. O que estamos a decir confirmase, cando os grades equipos a pesares de traballar con moitos rapaces, sempre rematan levando dos pequenos clubs ós seus mellores xogadores.

Pero o que é mais difícil, ou mellor dito case imposible, é encontrar xente comprometida que se involucre en traballar neste tipo de proxectos sen percibir retribución económica ningunha.

O fútbol, e un equipo, non é só o que se ve cada fin de semana nun campo, e que tanto nos gusta cando menos, valorar ou poñer en cuestión.

Para saltar ao campo cada semana hai que adestrar e dedicarlle horas despois do traballo, chova faga sol ou frío.  

Hai fichas, seguros que tramitar e o máis importante dispoñer cada tempada dun recurso económico con que comprar equipacións, pagar árbitros etc... e todo da forma que resulte máis económico para todos.

Un equipo de fútbol base como é o noso caso, debe ser un compromiso de todos, tanto dos que están dentro do campo como os que animan o equipo na bancada.

A idea pasa por que debemos asumir entre todos a incorporación de novos xogadores ao equipo, colaborar para que os grupos crezan, e recuperar as categorías inferiores, que realmente son as que máis deberiamos favorecer.

Pouco a pouco a tempada vai chegando á súa fin, e polo tanto xa é hora de comezar a pensar entre todos e ir  organizando o que vai ser o equipo para a nova tempada.

Agora toca recuperar, seguir adestrando, e pensar no próximo partido para seguir mellorando e traballando o noso xogo que pouco a pouco vaise afianzando para chegar ao partido de copa frente ao Victoria C.F.

De seguro que non vai ser un partido doado, e o noso rival vainos poñer as cousas difíciles, pero tamen xa o coñecemos de enfrontarnos a el na liga. 

Pero como ven sabemos as grandes victorias consíguense fronte aos grandes equipos e nos imos sair a por todas, fronte ao recente campeón de liga, e os encontros non rematan ata que pite o árbitro.