Somos un club con historia e tradición no deporte base da cidade de Santiago de Compostela. Este é un espazo de comunicación e a nosa idea é manter e fomentar a relación entre os membros dos nosos equipos. Anímate a participar.
Estamos a metade de tempada e a liga empeza a definir os postos na táboa de clasificación. Polo que respecta ao equipo de xuvenís, nunha liga un tanto devaluada por estar formada por tan só once equipos, nestes momentos o Bodegón ocupa a sétima praza da clasificación pero a nove puntos do líder.
Así que o equipo debe espabilar e tentar non ceder máis puntos, pois ten plantilla e calidade para acometer a segunda volta coas posibilidades intactas de facer un bo papel esta tempada e como non, aspirar a todo en calquer competición que dispute.
Non caso do equipo de modestos, este ocupa a sexta praza pero a tan só tres puntos do líder, nunha liga moi disputada e con moita igualdade entre todos os equipos. Pero o bodegón sae esta tempada cos galóns de favorito e así debe demostralo no campo.
Así que a segunda volta suponse moi emocionante e competida, por iso non podemos perder a atención e saír a por todas en cada partido, pois tal e como esta a competición, non vale outra cousa que gañar e tomarse cada partido como unha final.
Sabemos que temos que loitar con orgullo e ganas, pero sempre cos pés no chan. Somos un equipo humilde sen apenas recursos, a nosa forza reside na entrega e o empeño de cada un dos que formamos parte deste gran club temos que facer para saír a competir cada tempada, e que nos resulta máis difícil cada ano.
É por este motivo que nunca nos cansaremos de agradecer a todos os que desinteresadamente se volcan co equipo, cos xogadores, e coa causa que defendemos, e o esforzo que fan non só no terreo deportivo senón tamén a nivel social.
Aquí deixámosvos a primeira foto oficial do equipo de modestos para a tempada 2015-16, conta cun plantel de 18 xogadores, que mantén o bloque da tempada anterior, ademais da incorporación dalgunhas caras novas que vos iremos presentando ao longo da tempada.
Esta tempada a competición non será como a liga pasada, e recupera o seu formato habitual. Doce equipos son os que optan ao titulo ligueiro, o campión ascenderá directamente, e os catro seguintes disputarán a promoción de ascenso.
Nestes momentos o equipo leva catro partidos disputados, e xa é líder da clasificación nunha liga que seguro vai ser moi disputada.
Pero a experiencia que foron adquirindo os nosos xogadores nestes últimos anos, e tras estar a piques de conseguir o ascenso a tempada pasada nunha liga tan dura como lembremos que foi...
O noso obxectivo este ano non pode ser outro que conseguir o ascenso, e se pode ser gañando a liga, moito mellor. Temos equipo e ilusión, e imos saír a disputar cada partido para tentar deixarnos os menos puntos posibles no camiño para conseguir o noso reto.
Primeira foto oficial do equipo de xuvenís tempada 2015 - 2016 e que disputou o último partido de preparación fronte ao C.D. San Mamed de Rivadulla, antes de dar comezo a liga.
A plantel está integrado por vinte xogadores, e aínda que presenta algunhas caras novas que vos iremos presentando durante a tempada, basicamente o resto de compoñentes son ben coñecidos pola nosa afección, e xa levan no noso club bastantes anos.
Este ano optamos por un plantel amplo, que nos permita afrontar a tempada con garantías, e que combina a experiencia de xogadores de terceiro ano, e que deben ser os líderes do equipo.
Hai tamén xogadores de segundo ano, e que esta tempada deberán ir asumindo galóns para o ano que vén sexan eles os que asuman a responsabilidade.
E como non, temos xogadores de primeiro ano que soben da categoría de cadetes, con moita calidade e que estamos seguros van achegar ao equipo moitísimos recursos.
Está claro que esta tempada hai unha importante reestruturación do que é equipo con respecto a anos anteriores, pero en liñas xerais, e polo visto nos partidos de pretemporada, mostrou unha moi boa imaxe, o que aumenta as nosas ilusións de cara á competición que esta a piques de comezar.
Pero de momento é pronto para botar as campás ao voo, debemos ir partido a partido collendo rodaxe e ritmo de competición, e sobre todo corrixindo erros puntuais como os vistos neste último amigable se non queremos ceder puntos en partidos claves durante a liga, e que logo son ao cabo, os que determinan que esteas arriba na táboa ou non.
Un ano máis o Peña Bodegón Arzúa Club de Fútbol, ultima a súa preparación para afrontar unha nova tempada, que por moito que nos pese dicilo, cada vez resulta máis difícil sacar adiante.
Este ano imos a saír en principio só con dous equipos un na categoría xuvenil que debutará en liga o 26 de setembro fronte ao Tordoia C.F., e o outro na categoría de modestos, que comeza o día 20 setembro fronte á Salle.
A falta de incorporación de xogadores en categorías inferiores (alevíns, infantís e agora cadetes) imposibilita a creación de equipos que permitan nutrir as categorías superiores e polo tanto sustentar o club coa suficiente garantía como para asegurar a súa continuidade en tempadas vindeiras.
De todos os xeitos debemos pensar no que temos, e é con iso co que sairemos a loitar. Está claro que tanto o equipo de xuvenís, que esta tempada vese reforzado coa incorporación de cadetes que soben de categoría e o equipo de modestos, xa están moi consolidados como grupo e curtidos en mil batallas, saldrán a loitar polo máximo nas súas respectivas competicións.
Tamén estamos a intentar formar polo menos un equipo de fútbol sala que represente o Club nesta disciplina e do que vos daremos a información segundo aconteza.
O que está claro, é que resulta moi difícil nos tempos que corren manter un equipo de futbol, e máxime cando o soporte económico sae o cen por cen dos socios que formamos parte del, que nestes últimos anos non gozamos de subvención algunha, nin patrocinador que se comprometa en firme a achegar diñeiro ao club.
E maior mérito ten cando adestradores, delegados e persoas que colaboran a sacar o equipo adiante cada tempada o fai desinteresadamente.
Está claro que cos tempos que corren resulta increible ou milagroso saír adiante cada nova tempada. Por iso se queremos que o club siga vivo e na liña que nos marcamos, debemos tomar conciencia diso e facer unha profunda reestructuracion dende a base económica como deportiva na que todos colaboremos un pouco máis.
Como o prometido é débeda, aquí deixámosvos un amplo resumo do que deu de si esta gran final da Copa de Santiago 2014-15, onde o noso equipo de modestos, conseguiu unha vitoria merecida e loitada fronte a un grande rival como resultou ser San marcos C.F.
Esta reportaxe, compréndeno tres vídeos aos que podedes acceder directamente dende a nosa páxina, ou picando sobre os recadros amarelos que pon, "ver vídeo" e a parte correspondente e que vos levará á nosa canle de youtube.
Tamén queremos aproveitar esta entrada para felicitar dobremente o adestrador deste equipo, David Barcia, primeiro pola súa recente paternidade e segundo por este novo título que tan brillantemente acadou co seu equipo para este modesto club.
Podemos dicir sen medo a equivocarnos que él e algún dos seus xogadores, son os que máis Copas de Santiago gañaron nesta última década.
Un equipo, que guiado da man dos seus adestradores mantese sempre fiel á súa idea de xogo, e a pesar de que conta con xogadores de gran calidade, o compromiso do grupo prevalece sobre calquera cousa.
O equipo rematou unha tempada excelente, onde a punto estivo de conseguir o ansiado ascenso e que cedemos no último partido da eliminatoria.
Agora é tempo de lecer e recuperar forzas de cara á nova tempada que comeza no mes de setembro, e que se presenta moi interesante, pois vanse incorporar á competición novos equipos que sen dúbida farana moi interesante.
Un equipo moi novo, pero que pouco a pouco foi adquirindo experiencia nesta categoría e que manterá na súa maioría a estrutura fundamental do grupo de cara á nova tempada, eso permitiranos estar de novo a un gran nivel de xogo, e optar por todo nas competicións que disputemos.
Ogallá para a tempada que vén poidamos levantar de novo outro gran trofeo e por que non conseguir ese tan ansiado ascenso.
O equipo de modestos sabe repoñerse en tempo récord, do duro revés que supuxo quedarse ás portas do ascenso, e gañan a final da Copa de Santiago 2014-15.
Baixo un sol de xustiza e ante un duro rival como foi C.D. San Marcos que nos puxo as cousas moi difíciles, o noso equipo xogou un brillante partido e rematou levándose este prestixioso trofeo da Capital de Galicia.
Un partido moi aberto, no que o noso rival tamén tivo as súas ocasións, pero o Bodegón como sempre, soubo sufrir e xa na segunda metade da prórroga conseguíu un solitario gol que lle deu a vitoria nesta final, e revalida deste xeito o título de vixente campeón.
Sen dúbida ningunha un grande e merecido triunfo deste bo equipo que cada tempada se fai mais grande como grupo humano e deportivo. Seguimos medrando, porque sabemos que traballando nesta línea, o mellor ainda está por vir.
Unha vez máis o destino volveunos xogar unha mala pasada, e o noso equipo de modestos non puido poñer o broche de ouro á súa brillante tempada.
Duro revés, e por outra parte porque non imos dicir, que un tanto inesperado, despois de quedar demostrada a excelente tempada realizada nunha liga moi difícil polo elevado número de equipos que competían nela.
O equipo logro meterse na fase de ascenso, na que tivemos que enfrontarnos en primeira eliminatoria ao Ordes, e ao que logramos superar dunha forma clara e sen ningún tipo de dúbidas no xogo que mostramos, tanto no encontro de ida como no de volta.
Na fase final da loita polo ascenso, tocounos enfrontarnos ao Atlético Pino, estaba claro que había chegado ata aquí tamén por méritos propios e sabiamos que ía ser unha eliminatoria a dobre partido moi complicada.
De todos os xeitos chegado a este punto, o Bodegón estaba mentalizado e capacitado, para enfrontarse a calquera rival por duro que sexa como así quedou patente nesta eliminatoria. De feito tíñamolo claro que podíase acadar o noso obxectivo.
O partido de ida foi moi igualado, e tal vez o Bodegón dispuxo das oportunidades mais claras, pero que non logrou materializar, e cando iso acontece a experiencia dinos que rematase perdendo. Como así foi que a poucos minutos do remate do encontro, un fallo nas marcas por parte da nosa defensa, posibilitou que o noso rival acadase a victoria no encontro e un valioso gol de cara o encontro de volta no seu campo.
Está claro que o partido de volta ía ser moi emocionate, e podía pasar calquera cousa. De todos os xeitos sabiamos que mantiñamos case intactas as nosas posibilidades, e estabamos seguros de poder remontar ese resultado adverso da ida.
O partido saíu tal e como se esperaba e resultou ser moi igualado outra vez, como así o demostrou o resultado final que foi de 1-1 e que nos deixaba fóra do tan ansiado ascenso. Unha vez máis o noso destino levounos a fallar algún gol infallable, e aínda que o equipo quixo, puxo ganas e entrega, non logrou alzarse co triunfo no encontro.
Non podemos esquecer, que para este equipo a tempada non rematou aínda, xa que terán que disputar a final da Copa de Santiago, que nesta edición nos enfrontará ao C.D. San Marcos, e como está fóra de toda dúbida imos loitar por gañala e revalidar así o título de vixente campeón que obra no noso poder.
É evidente que sufrimos un duro revés anímico, pero temos que esquecelo e seguir adiante con paso firme no noso desexo de pechar a tempada con polo menos un título.
Pase o que pase ninguén vai cuestionar a calidade, entrega e valía deste gran grupo. O club e a afección están plenamente ao seu lado, e dispostos de novo a animalos incondicionalmente noutro emocionante encontro, onde o Bodegón debe saír como sempre a dalo todo no campo.